Thursday 02 de May de 2024

A Xunta agradece o labor do Centro Galego de Cuxhaven na difusión da cultura de Galicia e do seu mar en Alemaña


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Centro Cultural Galego de Cuxhaven, no estado de Baixa Saxonia, no marco da súa viaxe a Alemaña para acompañar ás empresas galegas do mar que participan na feira Fish International que se celebra entre hoxe e o vindeiro martes na cidade de Bremen. A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, agradeceu o labor desenvolvido pola entidade a prol da difusión da cultura galega no país, e moi especialmente no eido do mar, coa celebración de xornadas como o Día de Galicia ou o Día do Marisco, ás que se lle suman outras como o Carnaval, a Pascua ou o Día do Emigrante.

O Centro Cultural Galego de Cuxhaven ten a súa orixe no ano 1980 como consecuencia da presenza nesta cidade alemá dun grupo de emigrantes galegos que se asentaron nela atraídos pola forte industria de peixe existente na zona. A entidade, que conta na actualidade con preto de 300 socios, está integrada na Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña e ten entre os seus obxectivos fomentar e promocionar a cultura galega no país. Con esa finalidade desenvolve actividades culturais, sociais e recreativas con accións como cursos de lingua galega, confección de traxes rexionais, reunións gastronómicas, excursións didácticas e outros eventos para enxalzar a cultura e as tradicións da comunidade autónoma.